09 marzo 2007

Unha pomba en Nova York

Unha vez, o chamado papa do superrealismo, o francés André Bretón, foi perseguido por unha bolboreta ó longo da Quinta Avenida, en Nova York. Se mal non recordo, pois falo de memoria, o poeta botouse a correr lanzando golpes ó aire coas dúas mans alborotadas, como se a perseguidora fose unha avéspora. Non é o único caso de comportamento poético dun animal naquela cidade que moitos consideran un monstro sen entrañas, onde ata os paxaros teñen as ás de ferro. Ó novelista Nelson Algren, un tipo duro de Chicago, que se movía nos baixos fondos como un peixe nun estanque, un día, mentres visitaba o Zoo, atopouse coa sorpresa de que un mono con fama de agresivo, illado nunha gaiola de seguridade e separado da xente por barras de ferro, o invitou a cacahuetes.

Agora leo no The New Yorker a historia dunha pomba triste. Foi descuberta ás portas dun restaurante de Manhattan hai algún tempo, paseando primeiro pola beira da rúa, pero pedindo despois, por medio duns peteirazos suaves no cristal dunha ventá, que a deixasen entrar. Os donos, budistas asiáticos e polo tanto amantes dos animais, abríronlle a porta e descubriron que a pomba sabía ben o que quería facer.

Atravesou o local e dirixiuse con seguridade a unhas escaleiras interiores. Unha vez alí, subiu varios banzos e ó chegar ó primeiro descanso, buscou o amparo da parede, arrimouse contra ela e deixouse caer, non para durmir, senón para permanecer naquel sitio, cunha expresión de tristeza infinita. Ó día seguinte pola mañá, saíu de novo á rúa e desapareceu, pero para regresar pola noite, e facer o mesmo que a primeira vez. Así durante meses.

Estrañados por esa conducta, os propietarios do restaurante fixeron averiguacións e chegaron á conclusión de que a pomba é a reencarnación do dono anterior do negocio. Non sei cómo o indagaron, pero pode ser. En todo caso, debían avisar á familia. Non está ben deixar a un parente tirado na rúa.

Carlos Casares La Voz de Galicia - 23 de febreiro de 2001


2 comentarios:

Ra dijo...

Lindo homenaje en este dia. Besazo pomposo.

Cobiñas dijo...

Y merecido. Bicos, Andrea